A lama da Ría do Burgo, Chanel nº 5

A bocana do río Mero na Coruña troca na ría do Burgo, precioso estuario intermareal que estragouse como unha das zonas de litoral máis contaminadas do sur de Europa. Non só pola acumulación no seu leito de lamas tóxicas en varios metros de altura, que en repetidas ocasións puxeron en perigo a vida de varias persoas atrapadas na lameira. O sector interno da ría acumula elevadas concentracións de mercurio, cobre, chumbo, arsénico e zinc, así como hidrocarburos altamente canceríxenos, e altas cargas bacterianas ademais de virus da hepatite A, nos seus históricos bancos marisqueiros.

A catastrófica situación da ría do Burgo nunha área metropolitana de máis de 400.000 habitantes converteuse nun asunto de gran trascendencia, con catro concellos directamente afectados, escalando do ámbito local aos ámbitos rexional, nacional e europeo. En 2013 unha comisión composta por eurodeputados do Parlamento da UE visitou a ría, certificando o desastre ambiental e urxindo ás autoridades a poñerlle solución. É entón e con cargo a fondos europeos, cando dá inicio o proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo, baixo a batuta do Ministerio de Medio Ambiente – e de Agricultura, e de Alimentación, e de Obras Públicas e de Transporte, ou de Transición Ecolóxica, e Reto Demográfico etc.- e con promotor local na Dirección de Costas de A Coruña.

Paga a pena incidir na peculiaridade desta institución, preferiblemente logo dun bo paseo por calquera rexión do noso litoral, que vén sendo o método máis efectivo para comprobar a operatividade do organismo. Plenamente representativa da nosa administración, que faise moi flamenca cando se trata de autorizar un caseto de bombas 2×2 dun particular, pero que sempre ponse de canto ante as peores atrocidades ambientais cometidas en nome do estado -por poñer algún exemplo relevante, a construción do porto exterior de Ferrol (ecocidio número 1), ou a do porto exterior da Coruña (ecocidio número 2). Todo sexa polo ben común, que ao final resulta ser o menos común dos bens.

O caso é que a partir de ese intre comeza un prolongadísimo proceso de tramitación, no que participan unha chea de entes como a Universidade de Santiago de Compostela, o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas, Confederación Hidrográfica, Mariña Mercante, Autoridade Portuaria, Instituto Español de Oceanografía, Delegación de Goberno, Xunta de Galicia (nas súas múltiples manifestacións), Confraría de Pescadores, grupos naturalistas, etc. Deste xeito vanse completando diferentes informes, como o primeiro Informe Técnico para a dragaxe da ría do Burgo en 2013, o Informe Arqueolóxico (2015), a declaración de Impacto Ambiental (2017) e outros, ata a aprobación definitiva do proxecto en 2020 -certamente non foi sen tempo-. O orzamento co que se dotou ao proxecto para a súa licitación foi de 48,6 millóns de euros.

Participamos indirectamente neste proceso de licitación, proporcionando ofertas a moitas das empresas e consorcios concursantes, para a provisión dunha ferramenta tecnolóxica (ecodraga Watermaster) deseñada especificamente para este tipo de actuacións, que xa ten sido utilizada con gran éxito en ducias de proxectos de rexeneración ambiental sobre litoral contaminado. Claro que con poucas esperanzas, porque na nosa experiencia de case 30 anos de actividade, a contratación pública española caracterízase por un enredado marco lexislativo que condiciona unha tramitación embarullada, o que sumado a unha xestión tradicionalmente corrupta facilita unha adxudicación opaca, resultando xeralmente nunha execución incompetente -e nuns chalés fastuosos. Despois falecen centos de persoas nas inundacións de Valencia, os trens non collen nos túneles, derrúbanse as autovías, máis de 50 millóns de persoas quedan sen luz, os que ían ser proxectos produtivos Next Generation invístense en beirarrúas, pero aquí no ha pasao dená. O proxecto do que tratamos non foi ningunha excepción.

Adxudicado por importe de 26,6 millóns de euros á empresa Acciona Construción, en UTE cunha empresa balear sen experiencia algunha en proxectos de rexeneración ambiental, pero prominente en varios casos de corrupción política, ¿qué podía saír mal? Logo de oito anos de tramitación, esa discrepancia entre o orzamentado en base a todos os estudos, e o importe de adxudicación (prácticamente a metade), xa revela a incongruencia de todo o proceso, ¿quén pode equivocarse tanto? Por moito que trate de reducilo a unha responsabilidade persoal, o mero feito de que a adxudicataria siga legalmente capacitada para participar en concursos públicos en España a día de hoxe, reflicte nítidamente o problema sistémico que temos os españois coa xestión dos nosos diñeiros, ¿e os europeos?

Non importa se o equipo técnico nunca levou a cabo unha actuación deste tipo, se non se utiliza a maquinaria adecuada, se se producen danos na contorna, se non se cumpren as especificacións do proxecto, se a tecnoloxía é obsoleta e pon en risco á totalidade do ecosistema local, se 175.000 metros cúbicos de barros tóxicos entérranse na desembocadura, se non se sementan as especies que detalla o plan de rexeneración, se nunca se publican os resultados das analíticas de calidade de auga, se despois non medra o marisco, ou as lamas continúan…en caso de protesta, voltamos a financiar con diñeiro público o que xa se gastou, e a outra cousa. Xa virá un contacontos oficial co relato que toca, segundo a voz do seu patrón.

Que Spain is different, xa o sabiamos – e toda esta trapallada non é o peor. Desperdiciar o que puido ser unha actuación de referencia para a moi necesaria rexeneración ambiental da península ibérica tampouco. Nin o silencio cómplice da prensa local, ou o dos grupos ecoloxistas sempre barulleiros, dos que repetidamente nos preguntamos, onde estábades entón, cando tanto vos necesitamos? Tampouco o feito de que os chafalleiros de quenda pensen que non nos enteramos de nada, coma se fósemos parvos. Nin sequera a realidade probada de que os que hoxe denuncian corrupción política, en canto chegan ao poder compórtanse de maneira idénticamente mangona, sectaria e tribal.

Sen dúbida o máis duro faise esa conversa íntima e necesaria, no comedor da casa, cando tes que explicarlle aos teus fillos que para medrar en España, a única competencia relevante é a do manexo do Photoshop. Paga mais que se esquezan da formación, o esforzo ou a capacidade; o que teñen que facer é comprarlle ao traficante de moda e botar as tardes no puticlú. E comparativamente, embulleirarse nesa lama podre convirte o fedor da porcallada tóxica do Burgo en recendo a auténtico Chanel nº 5.