Make Aquaculture Great Again

Impasibles ao barullo de mísiles, drones e tarifas, un grupo de coraxudos salmóns regresa recatadamente do Océano Pacífico para desovar, río Sacramento arriba, no Val Central de California. Unha viaxe longa e esgotadora, que remata en travesía penitente por unha das zonas agrícolas máis intensivas do mundo, superando ducias de presas, gabias de rego cargadas de pesticidas, centrais hidroeléctricas e outras barreiras, que fan da súa migración cara a Putah Creek unha especie de milagre. Esta torrenteira cativa -mais ben regato- era até agora unha poza estancada na que non se tiñan rexistrado posturas durante décadas. Pero logo dun ambicioso programa de rexeneración ambiental, estes salmóns Chinook (Oncorhyncus kisutch) non renuncian a celebrar o seu terceiro aniversario cunha boa desova. E a quén non lle gusta unha boa festa na casa, na compaña de amigos e familiares?

É sen dúbida unha boa noticia para a acuicultura, que investigacións recentes conclúen que estes salmóns, que regresan esgotados a Putah Creek, proceden de desovas controladas en criadoiros acuícolas. Ao contrario da crenza amplamente difundida de que a repoboación de peixes na natureza ten escaso éxito, os chinooks de California están a amosarnos que en poucos anos de rigoroso traballo ambiental, se lles proporcionamos as condicións adecuadas, eles poden completar a odisea da reprodución augas arriba, a eclosión no regato, o xurdir e migrar cara á ría, a adaptación á auga salgada, sobrevivindo por anos no vasto océano ata voltar á súa casa. Déixanolo ben clariño.

Tampouco é que a acuicultura teña moito que evidenciar. A nosa industria xoga un papel cada vez máis importante para satisfacer as necesidades alimentarias mundiais, superando por primeira vez á pesca en 2022. Nese ano, a acuicultura xerou 94,4 millóns de toneladas de animais acuáticos, o que representa o 51% do total e o 57% da produción destinada ao consumo humano. Os rendementos da pesca mantivéronse practicamente sen cambios nos últimos 40 anos, mentres que a acuicultura aumentou un 6,6% só dende 2020.

Os produtos acuáticos seguen sendo un dos activos alimentarios máis comercializados a nivel mundial, acadando un máximo histórico de 195.000 millóns de euros en 2022, o que supón un incremento do 19 % con respecto aos niveis anteriores á pandemia. Malia que a demanda mundial de produtos do mar segue proxectada para medrar, segundo a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), queda cada vez máis claro que o aumento da produción sostible é vital para garantir unha dieta saudable. E como a poboación mundial proxectada chegará aos 8.500 millóns en 2030, proporcionar suficientes alimentos saudables a esta poboación en crecemento requirirá de decisivos investimentos no sector.

Por suposto que a acuicultura, a pesares dos seus logros e como calquera outra industria, non queda dispensada de problemas. Comparte coa pesca un descenso no consumo de produtos do mar, especialmente entre os consumidores mais novos. En termos de produción, o sector confronta importantes retos derivados do cambio climático, a acidificación dos océanos, o quecemento global, as inundacións, a competencia pola auga, a contaminación -incluída aquela derivada da propia acuicultura, como as lamas do mexillón-, a perda de biodiversidade e outros impactos da actividade humana. Por iso é tan importante que a acuicultura desenvolva o seu potencial no marco de proxectos de rexeneración ambiental e restauración de ecosistemas degradados, se quere afrontar con éxito estes desafíos, como o salmón de Putah Creek.

Que está moi lonxe de eiquí, claro. Pero de ecosistemas degradados nas rías galegas nós algo imos sabendo. Malia que en Galicia contamos con todas as cartas para o desenvolvemento do sector, incluíndo calidade e cantidade de auga doce e salgada, quilómetros de costa e abrigo, infraestruturas modernas, capacidade de engadir valor, boa valoración do produto local, xenerosas axudas europeas, man de obra cualificada, saber facer, mercados con forte demanda… Ben xestionadas, estas vantaxes poden converternos en líderes mundiais, aproveitando o coñecemento que a pesca galega  ten amoreado ao longo dos séculos.

Como ben din os nosos queridos veciños portugueses, infelizmente atopámonos na presente situación: o mexillón, produto estrela da acuicultura local, en grave crise con recortes de produción de ata o 30%; unha caída brutal das vendas de produtos do mar nas lonxas galegas nos últimos anos; o marisqueo coa menor produción rexistrada, múltiples quebras nas grandes empresas pesqueiras galegas, unha chea de instalacións acuícolas no noso litoral en liquidación e poxa pública, o relevo xeracional do sector en perigo… o que se chama unha auténtica desfeita.

Desde unha perspectiva autonómica, semella difícil xustificar todo o gasto público institucional, cos seus consellos e consellerías, delegacións e confrarías, axudas e subvencións, institutos tecnolóxicos, centros de formación, organizacións e agrupacións, para tan escasa rendibilidade. Ou termos sido os principais beneficiarios dos fondos europeos da FEMPA dende hai moitos anos, para que na piscicultura de Galicia, por exemplo, o principal operador non sexa galego nin español —nin sequera comunitario. E menos mal que están eles eiquí, porque senón non quedaría practicamente ninguén. Claro que sen unha estratexia clara, ese gran dispendio público non resolverá os nosos graves problemas estruturais, por moitas notas autobómbicas de prensa que se paguen cós nosos cartos nos medios locais.

É momento de apostar pola rexeneración das nosas rías e ríos, aplicando novas solucións e tecnoloxías para recuperar o seu potencial produtivo. Sexamos ambiciosos e rigorosos. Aproveitemos as capacidades que nos ofrece a acuicultura para recuperar os nosos recursos naturais. E para a xeración da riqueza e do emprego rural que tanto necesitamos. O salmón de Putah Creek fala ben claro por nós: Sí se puede, Let’s make Aquaculture great again!