O proxecto ECOPEMER, impulsado por Acuinuga desde 2018, evolucionou cara a unha plataforma integrada de criadeiro e preengorde de alta eficiencia, baseada na combinación de sistemas de recirculación (RAS) mariños, sistemas de contención en bandexas de fluxo horizontal e tecnoloxías avanzadas de desinfección mediante AOPs (Advanced Oxidation Processes), permitindo un control preciso de parámetros sobre reprodutores, postas, cultivo larvario e preengorde.
Dende a súa concepción, ECOPEMER incorpora ferramentas de biotecnoloxía molecular aplicadas á selección, trazabilidade e bioseguridade dos organismos cultivados, dentro dun enfoque de economía circular e produción multitrófica integrada (IMTA) baixo cuberta. Este deseño permite optimizar o uso de recursos, minimizar efluentes e valorizar subprodutos, integrando a produción de moluscos, peixes e algas en sistemas interconectados, monitorizados dixitalmente e sinérxicos. O desenvolvemento tecnolóxico para esta nova xeración de criadeiros acuícolas pon o foco na automatización e no control de custos nos procesos de produción.
O modelo produtivo oriéntase estratexicamente á produción de semente de alto valor comercial, un segmento crítico e altamente demandado na cadea acuícola global. Paralelamente, a incorporación de bivalvos e macroalgas na estrutura multitrófica contribúe á captación de carbono e reforza o posicionamento do proxecto dentro dos estándares emerxentes de sustentabilidade e financiamento verde.
Décadas de experiencia no deseño, formulación e produción de microdietas específicas para o preengorde de especies acuáticas de interese comercial, cunha carteira consolidada de máis de 60 clientes especialmente prevalente no ámbito europeo de I+D, permitíronnos optimizar protocolos nutricionais específicos baseados en materias primas eco-certificadas, minimizando o uso de alimento vivo e os custos do preengorde de semente pero mantendo a calidade nutricional e a trazabilidade de todos os ingredientes.
Dende o punto de vista investidor, ECOPEMER destaca pola súa modularidade, escalabilidade e replicabilidade internacional, ao estar deseñado para adaptarse a distintos contextos ambientais mediante o axuste de especies en función de parámetros locais (salinidade, temperatura e calidade da auga). Este enfoque reduce riscos operativos e facilita a súa implantación en múltiples xeografías e sobre especies moi diversas.
A solidez do proxecto foi avalada por PricewaterhouseCoopers (PwC) mediante auditoría independente, asegurando a consistencia do seu modelo técnico‑económico. Así mesmo, ECOPEMER foi recoñecido co Seal of Investment da iniciativa Blue Invest da Comisión Europea, certificando —en dura competencia con máis de 400 proxectos alternativos— o seu potencial de crecemento, innovación e atractivo para capital privado.
Cun investimento inicial estimado en 1,5 millóns de euros e unha proxección global próxima aos 3 millóns, ECOPEMER posiciónase como unha oportunidade de investimento en acuicultura sostible de nova xeración, respaldada por un equipo multidisciplinar de primeiro nivel e orientada a xerar rendibilidade comercial en mercados internacionais, combinando eficiencia produtiva, innovación tecnolóxica e responsabilidade ambiental para a produción de activos acuícolas esenciais.