O programa Mar 2020, vixente e cofinanciado con fondos europeos, oferta subvencións para inversións produtivas na acuicultura de Portugal continental que poden acadar níveis moi xenerosos de financiación. Cunha provisión de fondos de 27 millóns de euros (M€) na convocatoria actual, que marca un límite máximo de 6,5 M€ por proxecto, trátase sen dúbida dunha poderosa ferramenta para a dinamización do sector, de particular interese para a modernización de instalacións, a innovación, o aumento da eficiencia e a competitividade das empresas acuícolas portuguesas. Unha grande oportunidade para aproveitar un mercado robusto e en expansión, tanto a nivel nacional como europeo, fortemente deficitario en produto local de calidade, necesario para satisfacer a crecente demanda procedente, entre outros, do puxante sector turístico.
Débese nembargantes contextualizar esta iniciativa que xa vén precedida doutras similares dende o ingreso de Portugal como membro de pleno dereito da Unión Europea, fai agora 30 anos. Dende o delta do Miño ata a ría de Alvor, dende Caminha ata Sagres, a costa portuguesa atópase espallada de cadáveres acuícolas, de multitude de fincas e naves en ruinoso estado; de equipamento, artefactos e instalacións abandonadas, inversións erradas que supuxeron un grave dispendio para os contribuintes europeos. Ademais Portugal non é ningunha excepción no fracaso da xestión destos fondos europeos, que ben aproveitados tivesen favorecido unha situación económica radicalmente oposta á triste realidade que sufrimos moitos dos estados europeos na actualidade.
Independentemente das incertezas técnicas de cada caso, en termos xerais a corrupción, a incompetencia, o amiguismo, o tráfego de influencias, a opacidade, a falla de capacidade e de profesionalidade explican a meirande parte destes fracasos, dos que raramente dedúcense responsabilidades específicas. En termos particulares, a maior responsabilidade recae, sen dúbida, nas autoridades europeas responsabeis da supervisión e do seguimento destes proxectos, que amparadas no discutible principio de subsidiariedade, teñen sido incapaces de garantir ata agora un retorno satisfactorio destes programas de investimento.
Compre lembrar que todas e cada unha das meticulosas provisións destas convocatorias, todos os controis e requisitos de colaboración, todos os informes e análises que o estatalismo e a burocracia europea impoñen para a fiscalización destas iniciativas, amosáronse perfectamente irrelevantes para evitar o expolio que acontecéu continuadamente durante todos estes anos, e que resultou, entre outros factores, nunha das peores recesións que nos tocou vivir e da que aínda hoxe estamos tentando recuperarnos. En termos da xerga política actual, estas convocatorias aseguraron a sustentabilidade dun fiasco prolongado.
Non son días calesqueira para o proxecto europeo. Do éxito ou fracaso destes programas depende, en grande medida, a súa propia supervivencia. A Unión Europea ten que amosar a súa capacidade para impulsar exitosamente iniciativas que beneficien á xeración de riqueza, ao emprego, á mellora das condicións de vida e ao benestar dos seus cidadáns. E iso, en Portugal e en moitos outros dos estados membros, queda aínda por comprobar.