Un grupo predominantemente francés de investigación liderado por Yann Guiguen (INRA), publica na edición de Abril da revista Nature Communications a secuencia do xenoma da troita arcoiris. Trátase dun evento de grande importancia para unha especie emblemática da acuicultura mundial, históricamente unha das primeiras domesticadas polo home.
A secuencia do xenoma da troita, obtida por un grupo de preto de trinta investigadores, facilita novas posibilidades para o cultivo desta especie nativa da costa pacífica norteamericana. A acuicultura da troita arcoiris, desenvolvida industrialmente dende o ano 1874, acadóu en 2012 un volumen global de 900.000 toneladas, cun valor de produción estimado de 4.500 millóns de euros e operacións de cultivo en 63 países.
Este é un paso importante para mellorar algúns aspectos da produción animal desta especie, como a resistencia a determinadas enfermidades, a selección de estirpes con maior potencial de crecemento ou máis axeitadas ao cultivo no mar. A prevalencia de algúns virus que afectan ao cultivo do salmón ten convertido á engorda en gaiolas mariñas da troita arcoiris -naturalmente resistente- nunha alternativa interesante para a produción de afumados a partires de peixes de máis de 3 Kg de peso.
Ademais, este importante avance axúdanos a comprender a evolución desta especie. O espallamento na distribución xeográfica deste peixe podería estar relacionado coa recente duplicación do seu xenoma, que tería ocorrido fai uns 100 millóns de anos. Por contra, na maioría dos vertebrados, incluíndo o ser humano, este evento de duplicación tivo lugar moito antes, téndose perdido xa a maior parte dos xenes duplicados. Na troita arcoiris aínda se conservan moitos deles, especialmente os relacionados co control da expresión xénica, o que semella ter sido unha vantaxe para á súa capacidade de adaptación a diferentes temperaturas, climas e calidades da auga en todo o planeta.