As vantaxes que ofrece a acuicultura deberían garantirlle un papel protagonista na reconstrución da nosa maltreita economía, mobilizando materias primas locais para reforzar a nosa soberanía alimentaria, e fixando poboación rural mediante a creación de emprego. En comparación coa produción de animais en terra, tanto a acuicultura mariña como a continental acadan mellores índices de conversión, menor emisión de gases con efecto invernadoiro, maior produtividade e sustentabilidade, aliviando a presión sobre os recursos naturais para a produción de alimentos máis proteicos e saudables, aínda que respectando a biodiversidade.
Calidade e cantidade de auga doce e salgada, quilómetros de costa abrigada, infraestruturas modernas, produto local ben apreciado nos mercados, saber facer, capacidade de transformar e engadir valor…son tantas as fortalezas para o desenvolvemento da acuicultura en Galicia que non debería de tratarse como un tema menor nun territorio e conxuntura favorables para o sector agroalimentario. Especialmente cando se considera a terrorífica evolución poboacional en provincias opulentas en recursos hídricos como Lugo e Ourense.
Para contextualizar o penoso estado do sector en Galicia, orfo de liderado capaz de concretar novas iniciativas e proxectos durante lustros, vale a comparación co líder europeo, pouco sospeitoso de abuso ambiental, onde as cousas fixéronse de maneira diametralmente oposta. Noruega conta con 5 millóns de habitantes e produce 1,4 millóns de toneladas de acuicultura, xerando 7.000 millóns de euros e 9.000 empregos directos. Coa metade de poboación, Galicia produce a quinta parte do que entrega Noruega, xerando únicamente o 6% de valor co dobre de empregos directos. Tendo en conta que a taxa de paro galega triplica á norueguesa, queda claro que temos apuros coa produción, co produto e coa produtividade.
PPC, EAE, ISA, POL, ESGA, DOT, PDAL…claramente o problema non foi de falla de marco regulatorio –se cadra, por exceso-, que ocupou ao lexislador obsesivamente durante as últimas décadas. Total, para acabar claudicando ás primeiras de cambio fronte ao sector mexilloeiro, un titán con pés de barro -ou mellor dito de lama, que tapiza abondo os fondos das nosas rías-, e que continúa estancado na resolución das súas principais limitantes, como os peches por biotoxina, a atomización, a produción de semente ou a adición de valor.
Peregrinos como os de Santiago, os argumentos esgrimidos por certas voces procedentes do monocultivo intensivo de mexillón en contra da piscicultura, como o uso de antibióticos ou a industrialización, nunca se contrapoñen co impacto ambiental da sexta frota bateeira, que conta con máis de 3000 bateas fondeadas na costa galega. Irónico como o da pesca, que vende un produto “natural” coma se no mar non houbese verquidos, metais pesados, plásticos, parasitos ou algunha outra parvada como as máis de 100.000 toneladas de residuos radioactivos precariamente aloxados na fosa atlántica galega durante cincuenta anos sen monitoraxe algunha. Ben seguro que o epíteto comercial de “salvaxe” non permite discusión, pero hai que explicar as cousas.
De calquer xeito a prioridade debería ser o aproveitamento do preciado legado técnico e cultural que nos deixa a pesca para impulsar novas actividades que nos permitan medrar. Gardemos un sentido minuto de silencio polas pantasmas do pasado como o cultivo de rodaballo en gaiolas da ría de Aldán, a orella de mar en Muros, a troita de Lousame, o ollomol de Lorbé, a semente de ameixa de Punta Quilma e O Vicedo, o mero, a cherna ou o polbo, sepultura dunha chea de fondos públicos e base para afirmar que, se dos fracasos apréndese, mete medo o que sabemos. Por non falar das arrepiantes contas institucionais como as do Instituto Español de Oceanografía, institución centenaria tristemente a piques de desaparecer, que merecen comentario aparte.
Cando a estratexia nacional, a competencia técnica e a boa xestión sacrifícanse en aras do populismo clientelar pasan cousas como estas. E agora que todos centran a súa atención na zumarenta torta de fondos europeos, convén lembrar de onde vimos, e a chea de cartos que levamos fundidos sen chegar a ningures, para que non volvan pasar. Nos podémolo facer moito mellor.