Unha letal combinación de causas climáticas e oceanográficas está a causar esta primavera unha mortalidade masiva en granxas de salmón norueguesas, estimándose as perdas en milleiros de toneladas que se traducen en moitos millóns de euros, ao atoparse moitas gaiolas ocupadas no fin do ciclo de engorda por animais cáseque acadando a talla comercial (3 a 5 Kg de peso).
Os primeiros episodios foron rexistrados o 12 de Maio nas provincias nórdicas de Nordland e Troms, que xa foran afectadas por mortalidades masivas de similar etioloxía durante os meses de Maio e Xuño de 1991. Elevadas concentracións da microalga haptofita Chrysochromulina leadbeaterii foron detectadas nas áreas afectadas. Trátase dunha especie común en augas norueguesas, de pequeno tamaño –inferior a dez micras- pero que en condicións medioambientais específicas pode causar blooms tóxicos que resultan en mortalidades agudas. Certas sustancias hemolíticas segregados por esta microalga afectan ás branquias dos salmóns, que ven comprometida a súa capacidade respiratoria e morren por asfixia de maneira repentina e prácticamente sen aviso algún.
Factores como a falta de vento e baixa turbidez característicos de mares en calma, coincidindo con luminosidade intensa e prolongada e salinidades propias desta época do ano favorecen a proliferación microalgal. Aínda que a situación está a ser monitorizada polas autoridades norueguesas, moitos pronósticos baseados en modelos hidrolóxicos predicen un agravamento da crise, ao espallarse o bloom tóxico e comprometer a continuidade do cultivo en explotacións situadas en áreas máis septentrionais. En varias localidades rexístranse problemas loxísticos de retirada de mortalidades e falta de capacidade para manexar a biomasa durante o proceso de inertización mediante a súa transformación en fariñas.
Malia que van medrando as voces que cuestionan a sustentabilidade da industria, o salmón noruegués de granxa é actualmente un produto moi popular para o consumidor, producido de maneira eficiente en termos de uso de recursos, mantendo asemade uns estándares de respecto medioambiental e benestar animal que xa quixéramos para as nosas costas. Así por exemplo, para a produción de 1 millón de Kg de carne de vacún requírense 3.600 hectáreas de pastos, mentres únicamente se precisan 1,6 hectáreas para producir a mesma cantidade de salmón. Nos últimos anos limitóuse dun 80% a un 30% o porcentaxe de fariñas de peixe nos pensos de salmón, acadándose niveis de conversión moi superiores aos de outras industrias de produción animal como o porcino ou a avícola, manténdose pegadas de carbono moi reducidas (inferiores a 3 kg de CO2/kg frente aos 30 do vacuno ou os 6 do porcino).
A pesares de que algúns analistas prognostican perdas superiores ao 1% da produción noruega debido a esta mortalidade, a acuicultura de esta especie é hoxe unha industria próspera que medra mundialmente. As previsións realizadas con anterioridade ao episodio tóxico estimaban nun 3% o incremento do volume da produción norueguesa durante 2019 encol dos 1,2 millóns de toneladas producidos no ano anterior, rexistrándose precios medios de 6,4 €/Kg en comparación aos 6,2 €/Kg acadados en 2018. Mundialmente o incremento da produción previsto é dun 4%, cun valor total de produción (VTP) veciño aos 12.000 millóns de euros e un impacto laboral cercano aos 150.000 empregos directos. Por contextualizar estas cifras, en España, o país coa flota pesqueira mais grande da Unión Europea, o volume total de peixe desembarcado en 2017 procedente de pesquerías quedóu por baixo do millón de toneladas, cun VTP de 2.000 millóns de euros e un impacto laboral en torno aos 40.000 empregos directos.