Centro Tecnolóxico do Mar, Instituto de Investigacións Mariñas, Centro Oceanográfico de Vigo, Centro de Investigacións Mariñas, Facultade de Bioloxía, Facultade de Ciencias, Facultade de Ciencias do Mar, Facultade de Veterinaria; Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Estación de Ciencias Mariñas, Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Clúster de Acuicultura de Galicia, Observatorio de Acuicultura, Laboratorio Provincial de Análises, Misión Biolóxica de Galicia, Universidade de Santiago, Universidade de A Coruña, Campus de Lugo, Campus de Ourense, Campus de Pontevedra… nas últimas décadas temos asistido a un auténtico estoupido de institucións relacionadas coa investigación mariña, alimentadas directa ou indirectamente do maltreito erário público español. A toda esta morea de centros, institucións e organizacións, súmase agora unha nova iniciativa que compromete millóns de investimentos públicos para os próximos anos: o Campus do Mar de Vigo, un novo referente de excelencia.
Non hai dúbida de que na infinidade de institucións galegas traballan algúns profesionais de grande prestixio, que co seu esforzo e compromiso contribúen ao desenvolvemento dun sector moi importante para Galicia. E, a pesares da alerxia á autocrítica e o apego pola autocompracencia, semella tamén claro que o incremento exponencial do dispendio público no ámbito da investigación mariña ten acadado un retorno moi cativo para a sociedade que tan xenerosamente o financia. No caso da acuicultura, ningún dos proxectos de cultivo que se publicitan regularmente nos medios ten madurado ata unha fase de relevancia no mercado. O polbo, o camarón, o mero, a centola, a orella de mar, o salmón, o percebe, a ameixa fina, a pescada, o ollomol, a garoupa ou a coquina non están, aínda que se lles espera pacientemente. As grandes cuestións que comprometen a sostibilidade de todo o sector permanecen sen solución dende hai moito tempo, logo de proxectos millonarios e iniciativas extravagantes: a contaminación das rías, o aproveitamento dos descartes, as mareas vermellas, o rendimento do mexillón, a falta de materias primas locais para a conserva, o estancamento da piscicultura, o tratamento de efluentes industriais, o furtivismo ou a produción de semente. A incongruencia dunha I+D pública en constante metástase, cando os sectores empresarial e produtivo aparecen cada vez máis febles e esmorecidos, só pódese describir como grotesca.
Do mesmo xeito que os grandes retos tecnolóxicos foron abordados durante a carreira espacial dos anos 60 e 70, máis de mil anos de pesca intensiva outorgan a Galicia a responsabilidade histórica de avanzar no cultivo sostible dos seus mares e corpos de auga costeira e continental. Pero mentres outros foron capaces de rendibilizar o cultivo de especies coma o salmón, a dourada, a robaliza, a tilapia ou o langostino, os galegos aínda ficamos orfos de proxectos tractores. Nunca soubemos impulsalos para aproveitar o capital de talento e coñecemento que fomos acumulando nestes anos, mobilizándoo para o noso beneficio na xeración da riqueza e do emprego que tanto necesitamos. Escoitando aos promotores do Campus de Excelencia de Vigo, parece que a limitación fundamental ten sido a falta de centros de investigación mariña en Galicia.
Logo dunha das peores recesións da nosa historia, nalgún intre teremos que admitir que o sistema de xeración de coñecemento español nunca abordóu as reformas que precisa para a súa equiparación coas nacións que lideran o concerto científico internacional. A endogamia, o tráfego de influencias, o caciquismo, a politización, o nepotismo, o localismo e a funcionarialización teñen impedido o desenvolvemento dunha verdadeira meritocracia, esencial para a retribución da calidade e a penalización da mediocridade. A ausencia dun sistema xusto e competitivo forzóu o exilio exterior ou interior de moitos profesionais de gran valía, deixándonos nunha dependencia tecnolóxica impropia dunha nación que se considera desenvolvida.
É sintomático que as inversións multimillonarias e obras faraónicas tan queridas polos promotores desta nova iniciativa teñen lugar na cidade máis dinámica e emprendedora de Galicia, xusto cando gravísimos indicios de corrupción mereceron a imputación xudicial do reitor da súa universidade. Unha institución xa comprometida logo de escandalosos episodios de plaxio e irregularidades administrativas de todo tipo, que merecerían a vergoña e o bochorno xeral en calqueira país do noso contorno, descontando por suposto a renuncia inmediata e preventiva tanto do reitor como do seu equipo de xestión. Pero en Vigo, como no resto de España e no sur de Europa, ese debate non parece importar. O que nos toca eiquí é navegarmos eternamente por insondábeis mares de excelencia.