No ámbito da I + D europea “Prospawn: Aplicación de técnicas de posta natural para a acuicultura mariña,” estamos realizando un proxecto de investigación centrado na avaliación dun novo sistema de cultivo para reprodutores de ollomol (Pagellus bogaraveo) e sargo (Diplodus sargus).
A localización desta actividade no Acuario de O Grove (Pontevedra) é o resultado da colaboración coa empresa catalá BlueDisplays, responsable da xestión do acuario desde o inicio de 2011. Inaugurado en 1997, o Acuario de O Grove mantén unha colección biolóxica de máis de 150 especies diferentes, incluíndo invertebrados mariños, moluscos, cefalópodos, crustáceos e teleósteos mariños e de auga doce, representando prácticamente tódolos ecosistemas propios da Ría de Arousa. Esta colaboración forma parte dunha estratexia promovida pola nova administración para aumentar a actividade de I + D no acuario, maximizando a interacción coa comunidade científica e favorecendo a caracterización dos valiosos recursos biolóxicos que alberga a súa colección.
Con esta actividade avaliamo-lo efecto do sistema de cultivo en bandexas de fluxo horizontal (BFH), deseñado e construído pola División de Acuicultura de Acuinuga, en colaboración coa empresa norueguesa Akvaplan-Niva, sobre a bioloxía reprodutiva destas dúas especies de gran interese comercial, mantidas en condicións de estabulación controlada (recirculación, control de fotoperíodol) e velocidades de corrente de ata tres lonxitudes corporais por segundo.
Cun deseño compacto e de reducido impacto ambiental, os sistemas BFH permiten que os níveis de produción obtidos durante a engorda acaden valores entre 5 e 10 veces superiores ós obtidos coas tecnoloxías convencionais a base de tanques. Os sistemas BFH permiten asemade reducir significativamente as partidas de custe mais significativas, como o consumo de alimento, o bombeo, a osixenación da auga, enerxía e man de obra.
Os primeiros resultados obtidos neste experimento foron presentados na reunión do grupo Prospawn no marco da conferencia organizada pola European Aquaculture Society, que tivo lugar na illa de Rodas (Grecia) en Outubro de 2011.