Novas publicacións científicas detallan o crecente impacto da acidificación dos océanos sobre a acuicultura mariña. Do Atlántico ao Pacífico, de Alemania á Nova Zelandia, medran as evidencias de que a acidificación progresiva dos océanos está causando cambios no desenvolvemento de algas, moluscos, crustáceos e peixes. Estes cambios están afectando negativamente o cultivo de varias especies de interese comercial, coa consecuente perda de ingresos e destrución de miles de postos de traballo.
Posiblemente, a industria máis afectada en todo o mundo sexa a produción de moluscos. As larvas de ostras, mexillóns, ameixas e vieiras precisan de valores de pH moi específicos na auga do mar para desenvolver adecuadamente as cunchas de carbonato cálcico que lles sirven de exoesqueleto. Se estes valores non son axeitados, os animais non poden continuar medrando, rexistrándose rápidamente altas mortalidades.
O proceso de acidificación dos océanos é a diminución progresiva no pH da auga do mar, como resultado do aumento de dióxido de carbono na atmósfera terrestre. Desde o inicio da revolución industrial, os valores de CO2 aumentaron de forma constante desde as 280 ppm rexistradas a mediados do século XVIII ata as 390 ppm ao final do século XX. Na auga do mar, os valores promedio de pH están diminuíndo desde 8,2 ata as 7,8 unidades esperadas para o final do século XXI.
Nas rías galegas, a acidificación do océano combínase con outros impactos negativos, como os derivados do quentamento global, que foi asociado a un aumento na prevalencia de determinados parásitos e na proliferación de blooms algais tóxicos e mareas vermellas; a contaminación por verquidos industriais, de augas residuais urbanas, mareas negras e outros. Unha boa xestión do litoral nestes últimos anos houbera sen dúbida permitido amortecer estes efectos, centrándose na produción de semente en criadoiro, na introdución de programas de mellora xenética para producir semilla máis resistente ás novas condicións ambientais; no desenvolvemento de estratexias innovadoras para a rexeneración de praias e parques, na posta en marcha de controis rigorosos da calidade das augas, na diversificación das especies de moluscos que se cultivan actualmente, etc.
Veremos se aínda estamos a tempo de correxir os moitos erros do pasado. O que parece claro, en ausencia de estimacións específicas da perda de produtividade natural dos nosos bancos marisqueiros, é que aumentan as voces denunciando o descenso dramático na maioría de poboacións naturáis das especies de bivalvos presentes tradicionalmente nas nosas praias, bancos e parques de litoral. De non afrontarse axiña este problema, isto terá serias consecuencias na capacidade de xeración sostible de riqueza e emprego dun sector que semella atoparse xa nunha situación comprometida abondo.