Durante o mes de Agosto de 2019 tivo lugar na factoría de Loimaa, no sur de Finlandia, a reunión anual dos representantes internacionais da ecodraga Watermaster. Esta ferramenta única, multipropósito e anfibia, autopropulsada e versátil, está sendo empregada mundialmente cada vez en máis proxectos de rexeneración medioambiental, tanto en auga salgada como en auga doce.
A reunión técnica contou coa asistencia dos representantes da marca finesa en Brasil, China, Colombia, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Ghana, Holanda, India, Malasia, México, Reino Unido, Rusia, Sudáfrica e Vietnam, ademáis de Acuinuga como representante do fabricante en España e Portugal.
Os diferentes obradoiros formativos nas instalacións de produción da ecodraga cubriron aspectos como as melloras técnicas da versión Classic V, que incorpora tuberías de expulsión de maior capacidade, alicerces mellorados nos estabilizadores traseiros, un deseño máis eficiente dos flotadores frontais e unha mellorada estación booster para aumentar a potencia de bombeo de fangos a gran distancia dende o punto de aspiración.
A evolución de Watermaster durante os 30 anos dende a súa concepción veu da man de melloras constantes introducidas polo equipo Aquamec, acrecentando a súa funcionalidade para a realización de proxectos de rehabilitación medioambiental en augas contaminadas, que sufren eutrofización, para a remoción de sedimentos, prevención de inundacións, eliminación de vexetación invasiva, mellora de calados, limpeza de balsas industriais, mantemento de mariñas, sistemas de pilotaxe na construción de diques ou pantaláns, reforzo de ribeiras, protección do litoral, retirada de residuos (orgánicos, plásticos, algas), actividades recreativas na contorna acuática, rexeneración de canais urbanos, dragado de represas etc.
Mantendo o rango operativo en cotas de ata 6,5 m de profundidade, esta potente ferramenta de gran movilidade pasou de ofrecer unhas prestacións de corte, trituración e aspiración de fangos de ata 375 m3/h, no seu modelo Classic I de 1986, ata os actuais 900 m3/h que entrega a Classic V, comercializada dende 2016. A reunión incluíu asemade varias sesións específicas sobre as prestacións e garantías da nova unidade de propulsión Caterpillar C7.1 de 205 kW, e o réxime de control de emisións de nivel 5/4F para a Unión Europea. O encontro contou tamén cunha sesión específica sobre as técnicas de inertización de fangos sensíveis ou perigosos mediante a aplicación de xeotubos, incluíndo o emprego de floculantes autorizados para aplicacións medioambientais.
Cos resultados de varios proxectos de restauración medioambiental que se están a levar a cabo en diversos puntos do planeta, como a limpeza de canais de navegación en Chennai (India), a construción e mantemento de pantaláns en Francia, a recuperación de minerais valiosos en Sudáfrica ou a rexeneración da área lagunar de Fúquene en Cundinamarca (Colombia), contrastáronse as capacidades operativas da ecodraga en diferentes entornas, pondo en valor a experiencia dun equipo internacional e multidisciplinar na implementación de solucións globais para a remediación medioambiental.