Dende hai xa varias décadas, unha actividade de semi-cultivo leva garantindo a continuidade no suministro dunha especie altamente valorada para consumo, o atún vermello (Thunnus thynnus). O proceso consiste na captura de alevíns e xuvenís desta especie – outrora abundante en augas do Atlántico e do Mediterráneo, e hoxe en delicada situación e xa extinta dos mares Negro e Caspio-, para metelos en gaiolas de engorde onde se levan á talla comercial, con vistas á súa exportación a mercados altamente lucrativos situados principalmente no Extremo Oriente. Un negocio de millóns de euros centrado nunha especie moi sensible, que veu reducido o seu stock ata nun 60-80%, e atópase suxeita a un rigoroso programa de regulación de capturas baixo control da Comisión Internacional para a Conservación dos Tunídos do Atlántico (ICCAT) .
En teoría, estes espécimes son obxecto dun programa de certificación que garante a trazabilidade completa dende a captura ata o prato, como parte dun plan de protección que inclúe a avaliación das poboacións, os artes de pesca e un rigoroso e intenso traballo de investigación científica para a caracterización precisa do estado da especie. Na práctica, o descontrol administrativo no seguimento destes programas levou á creación dun mercado negro enorme e suculento, patrocinado pola popularidade emerxente do sushi e do sashimi, resultando na captura masiva e descontrolada de xuvenís nas décadas dos noventa e 2010, acadando un volume anual de negocio de máis de 400 millóns de euros segundo estimacións conservadoras dunha investigación realizada polo Consorcio Internacional de Xornalistas Investigadores (ICIJ).
En España, a operación Tarantelo da Guardia Civil no xuño pasado frustrou as actividades ilegais dunha organización criminal que se dedicaba á introdución de atún vermello obtido ilegalmente no mercado. Trátase dunha das maiores operacións mundiais contra o fraude na pesca, que atangue a empresas en 12 provincias con ramificacions en varios países (Francia, Malta, Marrocos, Portugal, Túnez, Turquía). Todo coa colaboración estelar de pescadores que capturan atún non declarado para descargalo en portos de Tarragona e Barcelona, e de autoridades gobernamentais que facilitaron a exportación de preto de 2.500 toneladas de atún ilegal ao ano, sobre todo a partir de Malta para vendelo a través de España en destinos nacionais (Mercasevilla, Mercabarna, Marcamadrid) e internacionais. Entre individuos e empresas, as dilixencias admitidas pola Audiencia Nacional investigan a 67 axentes nesta rede, acusándoos de delictos contra a vida salvaxe, contra a saúde pública, por falsificación documental, lavado de diñeiro e outros crimes cometidos no seo dunha organización criminal.
¿Cantas veces temos visto películas como ésta nas nosas industrias de pesca? Coas nosas taxas páganse melifluas campañas que nos bombardean con mensaxes buenistas e tranquilizadoras, todo está ben regulado e baixo control, trátase dunha actividade responsable e con futuro, estamos a ter conta de recursos fráxiles que temos que preservar para as novas xeracións… cando voltamos a espertar co terror da pesca pirata, da dinamita e da mentira, das bodegas en negro, das descargas mafiosas en portos afastados, do fraude alimentario, da extinción de especies e das contas bancarias suízas a piques de estourar.
Unha xestión minimamente proactiva tería esixido dende hai anos o cultivo dunha porcentaxe mínima de xuvenís domésticos, favorecendo o investimento destas empresas millonarias en I + D para pechar o cultivo desta especie, que xa ten acadado resultados alentadores. Pero aínda que a vítima principal é certamente a reputación dos pescadores responsabeis, que habelos hainos, neste momento seméllanos imposible confiar na boa xestión dun recurso apisoado por tales niveis de cobiza, opacidade e corrupción. Porque unha vez que despois de milenios, e xa cómodamente instalados no Antropoceno, ben miramos que a sostibilidade da agricultura e da gandeiría queda ben patente para todo o que queira ver. Mentres a suposta sustentabilidade na explotación dos recursos pesqueiros, salvaxes e preciosos, sóanos cada vez máis como un conto de fadas. De fadas corrutas, criminais e podres ata as orellas.