As previsións demográficas calculan que o incremento poblacional requerirá no ano 2050 dun aumento do 70% na produción alimentaria mundial. A consecución deste obxectivo de maneira sustentable precisará de novas fontes de proteína. Entre éstas, as algas mariñas son boas candidatas, ao non esixir auga doce nin terra de cultivo, e alcanzar maiores productividades de proteína por unidade de superficie en comparación con cultivos terrestres como a soia, leguminosas ou o trigo.
Ademais de proteína, as algas son unha fonte excelente de graxas insaturadas, vitaminas, pigmentos e micronutrentes como o iodo, ferro e o zinc. Producen menos emisións de CO2 que o resto de alimentos, eliminando nitróxeno e fósforo do medio, liberando osíxeno e contribuíndo á mellora da calidade da auga. Non é de extrañar, por tanto, que se convertiran en protagonistas de múltiples estratexias centradas na procura da sustentabilidade.
As algas clasificanse xeralmente en macro e microalgas, de auga doce, salobre ou mariñas. Entre as macroalgas mariñas, distinguense tres grandes grupos: algas verdes, pardas e vermellas. Algunhas especies de macroalgas mariñas conteñen niveis tan altos de proteína (ata o 47% da materia seca en alga nori), que se empregan como complementos nutricionais de alto rendemento. Novos aproveitamentos están impulsando a súa incorporación en pastas, pans, doces e incluso bebidas saudables. Ainda que abundantes en todos os aminoácidos esenciais, as proteínas das algas soen ser ricas en ácido aspártico e glutámico, responsables do quinto sabor umami, refinado como glutamato a partir da alga kombu. E moitas proteínas algais, como as lectinas ou as ficobiliproteínas, contan con actividade inmunoestimulante, anticanceríxena, antibacteriana, antiinflamatoria ou antiviral.
Con aproximadamente 30.000 especies de macroalgas mariñas descritas, faltan ainda moitos datos fiables sobre a dixestibilidade da proteína algal. Con todo, datos recentes amosan dixestibilidades in vitro en torno ao 80%, particularmente elevadas para moitas algas vermellas, o que as sitúa en niveis similares e incluso superiores a outras fontes vexetais, cereais ou frutas. O emprego de tratamentos térmicos, enzimáticos ou outros (ultrasons, microondas, pulsos eléctricos) está mellorando o perfil nutricional de moitos extractos algais, e facilitando a súa incorporación en piensos para a alimentación animal. Tal e como se facía no pasado, as fariñas de algas están recuperando a súa popularidade como ingrediente sustentable para a nutrición de rumiantes, porcos, aves, peixes, e mesmo animais de compañía.
Aumento nos índices de crecemento, carnes mais suculentas, sabores mais intensos, eliminación de antibióticos, mellora na función dixestiva, incremento da pigmentación, corrección do perfil graso do leite, tegumentos e cáscaras de ovo máis resistentes, axuda a función renal, control de peso…son moitas as ventaxas que se reportan continuamente como consecuencia da incorporación de algas nas fórmulas dos piensos. Pero é que ademáis estanse a identificar efectos fisiolóxicos de gran impacto, que van a representar un punto de inflexión para as aplicacións de algas na alimentación animal.
Recentemente comprobouse que a adición de pequenas (<1%) cantidades de certas algas no pienso de novillas de carne diminuíu a produción de metano ata nun 80%, sen alteración da ganancia diaria de peso, calidade de canal ou propiedades organolépticas da carne. Esto debese á presencia de certos compoñentes nas algas, como o bromoclorometano, que son capaces de modificar a flora ruminal favorecendo o desenvolvemento de poboacións non metanoxénicas.
O metano é un dos principais gases responsables do quecemento global, estimándose que a gandería produce aproximadamente un 15% do total de emisións de este gas. Por elo foi obxecto de recentes compromisos internacionais na cume climática das Nacións Unidas que tivo lugar este ano en Glasgow, Escocia, ao considerarse responsable de aproximadamente un tercio do efecto invernadeiro. Que unha solución relativamente sinxela como a inclusión de algas na ración reduza en tal medida a produción de metano resulta, sen dúbida, unha excelente nova para a sustentabilidade da produción gandeira.
A administración dos dereitos de acceso, a escalabilidade dos procesos industriais de transformación algal, alguns aspectos de seguridade alimentaria como a bioacumulación de certos metais pesados, a variabilidade e estacionalidade da biomasa e o prezo son algunhas das limitacións para o desenvolvemento e valorización económica de todos estos aproveitamentos nutricionais, medioambientais ou farmacéuticos. Ainda que tamén hai oportunidades. En Galicia en particular, con unha gran cabana gandeira e problemas medioambientais asociados (emisións, purins, contaminación fecal), a excreta resultante do monocultivo intensivo de mexillón, que se traduce na sedimentación de inxentes cantidades de fangos sobre o fondo das rías, abre unha oportunidade para a potenciación dun recurso algal ainda pouco valorado.
Por iso incorporamos a reproducción de certas especies comercialmente relevantes de algas no proxecto ECOPEMER, prototipo dun novo sistema de cultivo centrado na producción de semente de moluscos e peixes en recirculación. Empregando innovadores sistemas de contención e desinfeción, e potenciando a certificación ecolóxica do producto final, a incorporación de algas ao cultivo multitrófico mellora a calidade da semente de bivalvos e regula parámetros clave de calidade de auga no sistema, ao tempo que proporciona un activo de valor (plántulas de macroalgas) para a recuperación de pradeiras e corpos de auga eutrofizados.
Sobreexplotación, contaminación, eutrofización, malversación, politización, emigración e desemprego…de éstos ingredientes no sur de Europa imos sobrados. É tempo de demostrar que de boa xestión, aproveitamento de oportunidades e imaxinación tamén sabemos. O que compre e que nos deixen demostralo.