Unha fantástica colleita de funcionarios, políticos, ONGs e empresarios relacionados coa acuicultura reuníuse na Coruña en Novembro de 2012, con obxecto de discuti-los desafíos que afronta a acuicultura europea para a realización do seu potencial de crecemento. Quedóu patente a necesidade de impulsar decididamente esta actividade para reduci-lo déficit de importación de produtos do mar, que na Unión Europea acada o 65% do consumo anual total, ou 8 millóns de toneladas cun valor estimado de mercado de 40 mil millóns de euros. En base ás estimacións actuáis de productividade laboral e níveis de investimento, se iste déficit fose satisfeito na súa totalidade pola produción de alimentos acuícolas en Europa, resultaría na xeración de decenas de miles de postos de traballo direitamente relacionados coa actividade.
Se a nosa dependencia externa de productos pesqueiros está a medrar, a nosa dependencia exterior de materias primas para a alimentación animal é aínda moito máis acusada. Por iso, se o potencial de crecemento da acuicultura europea mudara en realidade, tería un impacto multiplicador sobre o sector agrícola europeo, que se vería na necesidade de fornecer de millóns de toneladas de millo, trigo, liño, soia, colza e outras moitas materias primas para o desenvolvemento sostible destas actividades de produción animal. Obviamente isto redundaría nun impacto exponencial sobre a dinamización do mercado de traballo local. Ben sabemos a falta que temos destes postos de traballo, particularmente no medio rural.
Temos escoitado estes argumentos moitas veces con anterioridade, de feito con moi poucos efectos prácticos. E o noso escepticismo está sólidamente fundamentado na natureza bipolar das mensaxes que as nosas autoridades emiten cando se dirixen aos lobbies pesqueiros ou ao lobby acuícola (se é que hai tal cousa). Mentres na Unión Europea síganse destinando moitos máis recursos públicos e sensibilidade política ao mantemento dunha industria pesqueira reliquia do pasado, que carece do potencial de crecemento que ten a industria da acuicultura, o futuro da nosa actividade nestas latitudes pinta máis ben negro. A xeración de crecemento sostible, de postos de traballo locáis e o aproveitamento de novas oportunidades de mercado requiren de visión, capacidade e coraxe política. Tristemente, destes ingredientes había moi pouca oferta na Coruña.