A División de Acuicultura de Acuinuga ven de formalizar un acordo para a comercialización exclusiva dos biocidas biodegradables producidos por BBZIX no noso ámbito de actividade. Esta dinámica empresa española con base en Huesca e forte proxección internacional, conta con 15 anos de experiencia no desenvolvemento de produtos tecnolóxicos e innovadores no campo da hixiene animal. Con este acordo aportamo-lo noso enfoque específico para o desenvolvemento e optimización de aplicacións dos produtos BBZIX na produción de especies acuáticas de interese comercial, tanto en augas continentais como no medio mariño.
A carteira de produtos BBZIX consiste nun completo rango de biocidas totalmente biodegradables, respectuosos co medio ambiente, de doada aplicación e eficientes contra un amplo espectro de patóxenos, que permiten o desenvolvemento de protocolos efectivos para a profilaxe, hixiene e desinfeción de peixes, moluscos e crustáceos en condicións de bioseguridade. Esta nova líña de produtos, que non resultan na formación de residuos tóxicos ou perigosos para o medio ambiente, foi testada e rexistrada ante as autoridades sanitarias e agroalimentarias, e producida baixo certificación ISO:9001 e ISO:14001.
O noso interese nesta colaboración deriva da ausencia de alternativas para moitos dos produtos utilizados rutinariamente na acuicultura (formol, cloramina, cloruro de benzalconio, amonio cuaternario, compostos clorados, etc.) que en moitos casos teñen unha efectividade limitada ou resultan na xeración de residuos e/ou metabolitos nocivos na auga. O desenvolvemento de aplicacións específicas para a utilización de produtos BBZIX na acuicultura permítenos ofrecer novas solucións efectivas e seguras para a hixienización da auga e a limpeza e desinfeción de instalacións de cultivo, sistemas de contención, aveños e pediluvios. Asemade, a actividade biocida fronte a bacterias Gram-positivas e Gram-negativas, esporas bacterianas e fúnxicas, e o amplo espectro funxicida e virucida destes produtos permítenos axeitar protocolos terapéuticos para o tratamento de feridas, o control de protozoos, a aplicación de baños ou a desinfección de ovos en condicións de bioseguridade.
Para maior información sobre este rango de produtos, visite o noso catálogo en
http://www.acuinuga.com/catalogo.php?id_categoria=7&id_subcategoria=51