A produción de semente en criadoiro permite a escolla de animais con mellor crecemento, mellor morfoloxía e pigmentación, maior porcentaxe de vianda, menores perdas por desprendemento, acumulación de biotoxinas ou resistencia á enfermidades. Hoxe en día temos múltiples ferramentas de mellora xenética que xa demostraron a súa fiabilidade e eficiencia para acadar estes resultados.
Abanqueiro, Camariñas, Carril, Noia, Punta Quilma, Vicedo… nos últimos anos son moitos os criadoiros que foron financiados xenerosamente con fondos públicos para a produción de semente de bivalvos en Galicia, xeralmente asociados a Confrarías de Pescadores ou Asociacións de Mariscadores. Estas instalacións están hoxe pechadas, no mellor dos casos, ou moitas delas abandonadas en estado ruinoso. A consecuencia última ten sido a escaseza prácticamente absoluta de semente de orixe local, coincidindo con baixos niveis de produtividade natural en praias e parques, e episodios recorrentes de mortalidade masiva e inexplicada de ameixas, berberechos, ostras e outros moluscos infaunais de interese comercial.
Tendo en conta as novas tecnoloxías de tratamento de augas que se desenvolveron especificamente para esta aplicación, e os novos protocolos de cultivo larvario e preengorda que tan bos resultados teñen acadado en moitas especies, unha estratexia razoable favorecería a recuperación destas instalacións para a produción de semente, un produto con forte demanda na actualidade, debido tanto ao estado raquítico da produción nacional como á prioridade dada polo líder europeo, Francia, ao abastecemento do seu mercado interior.
Claro que a dependencia prácticamente total de semente de terceiros países non só nos deixa nunha posición de vulnerabilidade económica, tecnolóxica e biolóxica, favorecendo a introdución de bacterias, virus e parasitos foráneos nas nosas costas. Tamén fai evidente o fracaso da estratexia autonómica de autoabastecemento de semente, base primordial do marisqueo e motor dunha actividade económica que emprega a ducias de embarcacións e miles de homes e mulleres nun contexto laboral xa de por sí moi duro.
Malia que as responsabilidades adoitan ser compartidas neste ámbito, a mala xestión, a falta de orientación empresarial, a incapacidade para resolver problemas técnicos complexos, ámbitos académicos e institucionais pouco vencellados á economía real, e a falla no seguimento e supervisión dos programas de investimento para garantir o éxito destas iniciativas pódense mencionar como causas principais. En todo caso, neste intre resulta difícil xustificar o despilfarro de valiosos recursos públicos que representan as subvencións para a adquisición de semente importada, cando as infraestruturas para producila permanecen inactivas, infrautilizadas ou esnaquizadas nas nosas costas.
Xa non se trata só de poñer en valor activos importantes para a produción e dinamización do sector primario, que foron financiados polos contribuíntes en virtude de autorizacións especiais en espazos naturais protexidos. Trátase tamén de reforzar a nosa soberanía alimentaria, incentivando a evolución dunha mentalidade extractiva noutra produtiva, reducindo a dependencia das axudas directas para limitar o impacto dun entorno xurídico e de mercado moi complicados. Son tempos de empregar estas ferramentas na xeración de riqueza e emprego que tanto precisamos para avanzar na nosa recuperación.
O desastre na xestión da semente acuícola adquire maior relevancia, se cabe, no que respecta ao cultivo de mexillón en Galicia. Semella inconcibible que, no século XXI, a produción de máis de 200.000 toneladas anuais desta especie se encomende á recollida da chamada semente “natural”. Con máis de 2.000 plataformas flotantes fondeadas nas nosas rías para este cultivo, o abuso do termo “natural” é manifesto. E a obtención de semente de rochas e doutros substratos costeiros mediante rasquetas acabou convertíndose nunha actividade de risco, aumentando os conflitos de ano en ano ao afectar a outras especies como o percebe.
Estes enfrontamentos frecuentemente violentos intentáronse xestionar de xeito conciliador, sen rumbo claro, promulgando tanto prohibicións parciais como ampliacións do período de extracción da semente. A Xunta de Galicia promove agora un proxecto para a produción de semente de bivalvos con cargo aos fondos europeos Next Generation (polo de agora virtuais). Chama cando menos a atención que os responsables durante décadas do fiasco na xestión da semente propoñan hoxe esta multimillonaria iniciativa baseada en supostas innovacións técnicas, que só se poden calificar como estrambóticas.
Como en Galicia sempre chove sobre mollado, cómpre lembrar outras ocorrencias promovidas por este mesmo liderado como as do caso Calizamar para o aproveitamento de cunchas de mexillón, desfeita que rematou co peche cautelar das instalacións por parte do Seprona, a condena en firme da direción da planta e millonaria perda de fondos públicos con grave prexuízo para o contribuínte. Por suposto que estes despropósitos mantéñense convenientemente baixo a alfombra, á espera de novas xeracións de xornalistas que podan disfrutar duns medios de comunicación moito máis independentes do que a política actual conseguiu condicionar.
Por desgraza, estas historias de terror repítense en todo o territorio peninsular, independentemente da cor política dos seus promotores, dende hai xa demasiado tempo. No batiburrillo de chalaneo e ausencia de rigor (por non decir vergonza) na xestión que padecemos, todo vale: desde que unha administración pública promova proxectos produtivos con fins comerciais ao amparo de fondos públicos, coma se estivéramos nos plans quinquenais da Rusia estalinista, ata o conflito de intereses directos entre xestores e beneficiarios das subvencións, á dilución das responsabilidades individuais no abstracto institucional ou o partidismo máis tribal na distribución das axudas que deberían ser de todos.
Cando o populismo clientelar fai refén da estratexia política, a falta de supervisión independente e a ausencia de criterios básicos de integridade desbaratan oportunidades históricas. Non é só que perdemos o potencial de crecemento, da xeración de emprego e riqueza que conserva a acuicultura, senón que tamén tírase ao lixo o valioso capital sociocultural e de coñecemento que a pesca xerou durante séculos, e que só a acuicultura pode aproveitar. Nembargantes a verdadeira semente do demo é termos asumido como inevitables o amiguismo, o suborno e a corrupción na xestión dos nosos impostos, que non son poucos, e que tantos sacrificios nos costa tributar.