En Galicia chove, mentres que no resto de España avanza a desertización. Cunha precipitación anual que case triplica a media nacional, a abundancia de auga en Galicia invita a reflexionar sobre a xestión deste preciado recurso, tanto desde unha perspectiva autonómica como desde un enfoque nacional, sobre o conxunto do Estado español. Nun entorno de cambio climático e quecemento global, de acidificación dos océanos e episodios extremos, o valor da auga como activo estratéxico torna cada vez máis importante. A ausencia dun debate específico sobre a auga en plena campaña electoral xa nos dá un bo indicio sobre a calidade da xestión deste recurso, retratando nidiamente a mediocridade do liderado que padecemos, ao longo de todo o espectro político. Para unha clara vantaxe que temos, non lle facemos nin caso.
Non será porque o tema non teña importancia. A magnitude da crise da auga na conca mediterránea española está a cobrar matices de traxedia. En Cataluña, a Generalitat aplica restricións de emerxencia ao 80% da poboación, con máis de seis millóns de afectados. As restricións afectan ás zonas de Barcelona e Girona abastecidas de auga polo sistema Ter-Llobregat. Porén, a seca ameaza máis localidades; neste mes de Febreiro, hai 36 concellos en emerxencia, 202 en preemerxencia e 297 en excepcionalidade. O panorama non é nada optimista, tendo en conta a previsión meteorolóxica dos meses máis secos do ano, que aínda están por chegar.
Valencia ou Murcia tampouco son inmunes á seca. O sistema Senia-Maestrazgo, o norte de Castelló, Xúcar ou Segura atópanse en situación de emerxencia, forzando ao conselleiro de Agricultura da Comunidade Valenciana a solicitar de Bruxelas medidas económicas que contribúan a paliar os efectos nefastos da prolongada seca para o sector agrario. Tamén esmorecen os encoros andaluces. Agricultores e gandeiros levan meses sufrindo o impacto da seca que padece Andalucía, onde se están a aplicar medidas restritivas para tratar de superar a peor crise meteorolóxica do último medio século.
Actualmente, moitas localidades están a sufrir cortes no abastecemento doméstico de auga, e moitos concellos emitiron bandos municipais para advertir á cidadanía da importancia de facer un uso responsable da auga, ante a escaseza nos depósitos dos que se abastecen. Entre as provincias máis afectadas atópanse Córdoba, Huelva e Málaga, onde as limitacións ao uso da auga en horario nocturno estanse a complementar coa prohibición de lavar rúas, beirarrúas e fachadas, ou o recheo de piscinas privadas e o lavado de coches. En moitas provincias andaluzas, a auga das duchas distribuídas polas praias costeiras está restrinxida, os parques acuáticos están pechados e o rego de parques e xardíns é limitado.
Cómpre tomar decisións e, a falta dunha estratexia nacional minimamente meditada, propostas de todo tipo abren camiño nun contexto buenista que predica a moderación no consumo, a reutilización, a economía circular e a sustentabilidade. Mágoa que as boas palabras non sacian a sede. Deste xeito, escóitanse propostas esotéricas como a importación por barco de auga doce de orixe incerta ou a implantación masiva de desalinizadoras. Ninguén obxecta o custo e o impacto ambiental destas ocorrencias, nin se fala do subproduto tóxico das case 800 desalinizadoras que funcionan en España -máis da metade de toda a Unión Europea-, a salmoira. Malia que o verquido de millóns de metros cúbicos de salmoira con máis de 60 gramos por litro de sal afecta gravemente á flora e fauna mariñas, actualmente en España non existe unha normativa específica comunitaria ou estatal que regule o verquido de salmoira das desaladoras, nin impoña límites críticos para os compoñentes químicos e as propiedades físicas da salmoira. Curioso cando menos, nun país coa fartura lexislativa que nos caracteriza.
A nosa clase política está moi interesada en acometer estas obras, e as compañías eléctricas aplauden con entusiasmo. No noso país estase equiparando a xestión da auga coa limitación do consumo, xa sexa polo civil -aumentando o prezo do recurso- ou polo militar -restrinxindo o uso. Como se toda a chea de ministerios, consellerías, concellos, deputacions, confederacións hidrográficas, empresas públicas e outros castros con competencias sobre augas non puidesen facer nada máis ao respecto – os cartiños a fin de mes ben que os levan para a casa. A transición ecolóxica era isto.
Neste contexto, a ausencia de propostas en Galicia para o uso de tan valioso recurso leva un xeito francamente criminal. Tanto na súa vertente atlántica como na cantábrica, as concas galegas son de tramo curto, alto caudal -o Miño con 340 m3/s é o máis alto de España- e están reguladas por aproveitamentos hidroeléctricos, que na práctica non levaron mantemento dende a súa construción alá polos anos 60-70. A acumulación de sedimentos, que dende hai décadas non se retiran axeitadamente, resultou na perda de capacidade de moitos encoros, polo que en moitos outonos de precipitación normal estas represas acadan rápidamente a súa máxima capacidade. A apertura de comportas adoita coincidir con períodos de fortes precipitacións, polo que ao verter ao mar non só se desperdicia un recurso moi valioso: a consecuente perda de salinidade nas rías tradúcese en episodios masivos de mortalidade en moluscos e crustáceos de gran valor comercial, afectando directamente á pesca e ao marisqueo con graves consecuencias económicas. Unha desfeita ambiental que se repite anualmente e que non merece maior consideración por parte das nosas autoridades que a posta en marcha de compensacións económicas, á espera do ano que ven. E autoproclámanse xestores de recursos, nada menos.
Tal parece que os galegos estamos condenados a desbotar os recursos naturais cos que contamos, que non son poucos. A optimización e o bo mantemento das nosas masas e cursos de auga permitiría aumentar a capacidade de almacén, mellorando a regulación de caudal e protexendo os niveis de salinidade das rías. O crecemento exponencial da xeración eólica nos últimos anos abre novas posibilidades para abaratar o bombeo a cotas superiores, que é a estratexia máis eficiente para acumular este tipo de enerxía. Unha ambiciosa planificación nacional permitiría avanzar na interconexión das concas, facilitando o traslado de importantes caudais de auga do noroeste, que actualmente están sen aproveitar, a rexións pouco abastecidas, como xa se fai en varios países onde toman estas cousas en serio. O uso da intelixencia artificial nas estacións de bombeo está a optimizar a xeración de enerxía co trasego da auga, ademais da detección de fugas e a eficiencia do fornecemento. Pero mentres se incida máis na importancia de escribir galego, galega ou galegue, que en poñer en práctica solucións para mellorar o noso medio de vida, toca cantar a mesma. Sempre andas dicindo pra o ano que ven, e chega outro ano e pasa tamén.