Dende as épocas do dominio de Roma, pasando pola España musulmán, ata o desenvolvemento do regadío moderno e a imposición da dictadura, a xestión da auga na Península Ibérica tense caracterizado polo aproveitamento dun recurso limitado, en condicións de gran conflictividade. Aínda que España conta co maior número de grandes presas por habitante do mundo e 49 humidais na lista do convenio de Ramsar, de grande importancia para a biodiversidade europea, tamén se caracteriza por unha demanda moi alta do recurso hídrico, focalizada arredor dun sector agrícola con cáseque catro millóns de hectáreas en regadío, ademáis dun sector turístico cun consumo promedio superior aos 500 L por persoa e día para os máis de 75 millóns de visitantes que nos visitan anualmente.
A esta alta demanda correspóndelle, desafortunadamente, unha xestión administrativa descoordinada de ata seis niveis de (des)control, con máis de 8.000 concellos, deputacións, cabildos, consellos insulares, cuncas hidrográficas, gobernos autónomos, nacionais e europeos actuando de xeito independente, sen un regulador central que garanta a súa xestión eficiente. A completa politización do Plan Hidrolóxico Nacional traduciuse na parálise das sucesivas propostas feitas polas diferentes administracións, o que sumado á gran especialidade nacional, a corrupción, impactou fortemente na percepción negativa que ten o cidadán da xestión do recurso hídrico.
Depuradoras multimillonarias que empregan tecnoloxía totalmente obsoleta e lóxicamente non funcionan, desaladoras ruinosas que nunca chegan a entrar en funcionamento, concursos de provisión de servizo amañados, mafias criminais que controlan a xestión da auga, empresas públicas liderando escuras tramas internacionais de evasión de capitais, episodios de contaminación por mala calidade do servizo, infraestruturas mal dimensionadas e inoperantes, verquidos incontrolados, mercado negro… o catálogo español dos Mangas, Pokémons e Pikachus da corrupción dá para moito.
Considerando os investimentos destinados e o retorno recibido das grandes constructoras beneficiarias, parecería máis complexo técnicamente o tratamento das augas residuais de Vigo, A Coruña ou Ferrol que o das megalópolis de Tokio ou Nova York. Na capital de Galicia, a práctica totalidade da corporación municipal (ex alcalde incluido) deu cos seus osos no cárcere, condeada pola xestión criminal do recurso en connivencia coa empresa adxudicataria. Hai graves sospeitas de tráfego de influencias e fraude de subvecións sobre a construción de máís de cen depuradoras ourensáns, malia que a tramitación xudicial foi arquivada ao prescribir os supostos delictos.
Somos moitos con sede de honestidade e rigor; de que a capacidade, a transparencia e a profesionalidade primen sobre o amiguismo, o clientelismo e a mediocridade. Moitos soñamos cunha xestión transparente dun ben tan precioso como necesario. Aspiramos a saciar a nosa sede dunha administración dilixente, baseada na excelencia profesional, dunha xustiza independente que castigue o soborno e a perversión, dun liderado capaz de realizar o potencial de xeración de crecemento e riqueza que a abundancia do recurso ofrece para todos os que traballamos no noroeste peninsular. Se iso acadáramos, sería un milagro. Será como beber auga bendita.