Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Proxectos

17-04-09 |

Cultivo de Robaliza en gaiolas

 

A División de Acuicultura de Acuinuga traballa sobre un proxecto de cultivo de robaliza (Dicentrarchus labrax). O obxectivo é o desenvolvemento dun produto de calidade superior ao existente no mercado de especies acuícolas. Tomando en consideración a situación xeográfica do proxecto dividiuse o proceso produtivo en dúas fases claramente diferenciadas:

  • A fase de preengorde realizarase en instalacións en terra especificamente deseñadas para este fin e prolongarase ata que os alevíns acaden o tamaño óptimo para ser introducidos nas gaiolas;
  • A fase de engorde realizarase en gaiolas no mar nas que se introducen os alevíns e permanecen ata que se extraen os peixes adultos no momento da súa comercialización.

A sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente foron premisas fundamentais durante a concepción deste proxecto ao considerarse para as instalacións de preengorde un sistema de recirculación de auga e a utilización de enerxías alternativas que axudarán o aforro enerxético. Para a fase de engorde seleccionáronse gaiolas semi-somerxibles para minimizar, así, o impacto medioambiental e visual destas instalacións.

Sobre as características da especie e o obxectivo de produción pódense destacar diversos aspectos:

  • Cultívase unha especie autóctona e minimízase a posibilidade de introdución de novos patóxenos no ecosistema local. Ademais, trabállase con estirpes locais de alevíns expresamente seleccionados para este fin. Isto permite obter un produto de maior calidade e cumprir os requisitos necesarios para poder culminar con éxito o proceso de engorde.
  • Ao levar a cabo o cultivo nas frías e ricas augas das rías galegas mellóranse as calidades organolépticas do produto, aproximándose en sabor á robaliza salvaxe.
  • Utilízase un sistema de alimentación innovador, con dietas especificamente formuladas para o proxecto e elaboradas a partir de materias primas producidas localmente. Estas dietas foron deseñadas para obter animais magros, con baixos niveis de graxa e máxima palatabilidade.
  • A talla de comercialización é superior a 1 kg cando actualmente a robaliza que se comercializa en maior proporción é a denominada "de ración", con pesos promedio entre os 500 e os 700 gramos.
  • Perséguese a comercialización en vivo, con rutinas de manexo que inclúen tempos desde a extracción á venda inferiores a unha hora. Desta forma obtense un produto que supera en frescura incluso a robaliza salvaxe, que rolda ás 12 horas desde a súa pesca ata a súa comercialización.