Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

25-04-18 |

O Proxecto ECOPEMER en Bruxelas


A División de Acuicultura de ACUINUGA impulsa o proxecto ECOPEMER para a produción ecolóxica de peixe e marisco en Galicia baixo réxime de recirculación. Este proxecto foi seleccionado entre centos de competidores para a rolda de financiamento "Blue Invest 2018", organizado pola Comisión Europea que terá lugar en Bruxelas o 17 de Maio deste ano. 

ECOPEMER é un proxecto de expansión empresarial cun horizonte de investimento de preto de 1,5 millóns de euros, que ten como obxectivo a reanudación da actividade acuícola nunha instalación situada nunha contorna sensible, con bo potencial de produción, aínda que falto ata agora dunha xestión profesional. En termos de produción animal, ECOPEMER pertence ao campo da biotecnoloxía alimentar, centrado na implementación de tecnoloxías disruptivas para o deseño de sistemas de contención e un novo sistema de recirculación de auga salgada que minimiza o impacto ambiental da actividade, asegurando ao mesmo tempo a salubridade e bioseguridade do cultivo. O proxecto persegue a certificación orgánica do produto final, mediante a aplicación de novas técnicas nutricionais como a formulación ad hoc de dietas para peixes (rodaballo, dorada, robaliza) a partires de ingredientes locais, e o uso de efluentes procedentes da engorde de peixe para a preengorda de moluscos bivalvos de interese comercial (ameixa e ostra). 

Co evento Blue Invest, a Comisión pretende realizar o potencial de xeración de riqueza e emprego que mantén a economía azul na Unión Europea. Trátase dunha plataforma de emparellamento que reúne á comunidade financeira cos emprendedores, persoalizando un formato de reunións bilaterais previamente arranxadas para estudar oportunidades de investimento e proxectos de desenvolvemento cunha forte sensibilidade ambiental. Para a convocatoria 2018 foi confirmada a presenza de 300 participantes, incluíndo fondos de investimento públicos e privados, empresas, provedores de servizos financeiros e representantes políticos e administrativos. Ademais de representar unha oportunidade única para a identificación de socios financeiros, Blue Invest facilita o establecemento de redes de coñecemento entre clientes, axentes de innovación, prestadores de servizos auxiliares e empresas do sector mariño, medioambiental e agroalimentario.