Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

14-12-17 |

Nova reportaxe sobre a Acuicultura en TV

Un completo informe sobre a acuicultura emítese este mes de Decembro no programa Reporter 21 da canle Orbe (Movistar TV). Filmado en diferentes localizacións durante o verán deste ano por Roberto Benito, e producido por Cristina Gómez e Rocío García de Mora, o informe inclúe diferentes aspectos da produción e comercialización de moluscos, peixes e outras especies acuáticas de interese comercial.

Neste traballo implicáronse entidades como o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, a Organización de Produtores de Acuicultura Continental Aquapiscis ou o Cluster da Acuicultura de Galicia, así como empresas de relevancia no sector como a muradana GMA ou a Cooperativa Ría de Arosa. O traballo de campo combínase con entrevistas en plató, abordando tamén a actividade de I+D no ámbito da acuicultura coa participación do ECIMAT (Universidade de Vigo) e da Universidade Politécnica de Madrid. Na realización deste traballo participa o noso Director, Doutor veterinario en acuicultura, D. Luís Pérez Carrasco.

A produción de mexillón en batea nas rías galegas, o cultivo larvario de especies como o rodaballo ou linguado, a produción de semente e cultivo en parque de moluscos como a ameixa ou a ostra; a investigación de novas especies como a garoupa, a orella de mar ou a produción de algas, e a formulación de piensos máis eficientes e ecolóxicos son algúns dos temas abordados neste traballo documental.

Queremos agradecer a todos os participantes pola súa contribución a esta reportaxe, facéndoo de xeito particularmente especial para os produtores e directores dun traballo moi importante na difusión dunha actividade que segue a ser moi descoñecida. A presenza continuada nos medios da acuicultura é esencial para divulgar de forma transparente os procesos de produción e transformación de especies acuáticas de interese comercial. O reforzo da confianza nunha actividade que xera emprego local, integra comunidades rurais e é capaz de engadir valor aos nosos recursos naturais en condicións de sostibilidade ben o merece.

Ligazón á reportaxe: http://www.canalorbe21.com/programas/reporter-21/