Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

13-09-17 |

Mares de Excelencia

Centro Tecnolóxico do Mar, Instituto de Investigacións Mariñas, Centro Oceanográfico de Vigo, Centro de Investigacións Mariñas, Facultade de Bioloxía, Facultade de Ciencias, Facultade de Ciencias  do Mar, Facultade de Veterinaria; Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Estación de Ciencias Mariñas, Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Clúster de Acuicultura de Galicia, Observatorio de Acuicultura, Laboratorio Provincial de Análises, Misión Biolóxica de Galicia, Universidade de Santiago, Universidade de A Coruña, Campus de Lugo, Campus de Ourense, Campus de Pontevedra... nas últimas décadas temos asistido a un auténtico estoupido de institucións relacionadas coa investigación mariña, alimentadas directa ou indirectamente do maltreito erário público español. A toda esta morea de centros, institucións e organizacións, súmase agora unha nova iniciativa que compromete millóns de investimentos públicos para os próximos anos: o Campus do Mar de Vigo, un novo referente de excelencia.

Non hai dúbida de que na infinidade de institucións galegas traballan algúns profesionais de grande prestixio, que co seu esforzo e compromiso contribúen ao desenvolvemento dun sector moi importante para Galicia. E, a pesares da alerxia á autocrítica e o apego pola autocompracencia, semella tamén claro que o incremento exponencial do dispendio público no ámbito da investigación mariña ten acadado un retorno moi cativo para a sociedade que tan xenerosamente o financia. No caso da acuicultura, ningún dos proxectos de cultivo que se publicitan regularmente nos medios ten madurado ata unha fase de relevancia no mercado. O polbo, o camarón, o mero, a centola, a orella de mar, o salmón, o percebe, a ameixa fina, a pescada, o ollomol, a garoupa ou a coquina non están, aínda que se lles espera pacientemente. As grandes cuestións que comprometen a sostibilidade de todo o sector permanecen sen solución dende hai moito tempo, logo de proxectos millonarios e iniciativas extravagantes: a contaminación das rías, o aproveitamento dos descartes, as mareas vermellas, o rendimento do mexillón, a falta de materias primas locais  para a conserva, o estancamento da piscicultura, o tratamento de efluentes industriais, o furtivismo ou a produción de semente. A incongruencia dunha I+D pública en constante metástase, cando os sectores empresarial e produtivo aparecen cada vez máis febles e esmorecidos, só pódese describir como grotesca.

Do mesmo xeito que os grandes retos tecnolóxicos foron abordados durante a carreira espacial dos anos 60 e 70, máis de mil anos de pesca intensiva outorgan a Galicia a responsabilidade histórica de avanzar no cultivo sostible dos seus mares e corpos de auga costeira e continental. Pero mentres outros foron capaces de rendibilizar o cultivo de especies coma o salmón, a dourada, a robaliza, a tilapia ou o langostino, os galegos aínda ficamos orfos de proxectos tractores. Nunca soubemos impulsalos para aproveitar o capital de talento e  coñecemento que fomos acumulando nestes anos, mobilizándoo para o noso beneficio na xeración da riqueza e do emprego que tanto necesitamos. Escoitando aos promotores do Campus de Excelencia de Vigo, parece que a limitación fundamental ten sido a falta de centros de investigación mariña en Galicia.

Logo dunha das peores recesións da nosa historia, nalgún intre teremos que admitir que o sistema de xeración de coñecemento español nunca abordóu as reformas que precisa para a súa equiparación coas nacións que lideran o concerto científico internacional. A endogamia, o tráfego de influencias, o caciquismo, a politización, o nepotismo, o localismo e a funcionarialización teñen impedido o desenvolvemento dunha verdadeira meritocracia, esencial para a retribución da calidade e a penalización da mediocridade. A ausencia dun sistema xusto e competitivo forzóu o exilio exterior ou interior de moitos profesionais de gran valía, deixándonos nunha dependencia tecnolóxica impropia dunha nación que se considera desenvolvida.

É sintomático que as inversións multimillonarias e obras faraónicas tan queridas polos promotores desta nova iniciativa teñen lugar na cidade máis dinámica e emprendedora de Galicia, xusto cando gravísimos indicios de corrupción mereceron a imputación xudicial do reitor da súa universidade. Unha institución xa comprometida logo de escandalosos episodios de plaxio e irregularidades administrativas de todo tipo, que merecerían a vergoña e o bochorno xeral en calqueira país do noso contorno, descontando por suposto a renuncia inmediata e preventiva tanto do reitor como do seu equipo de xestión. Pero en Vigo, como no resto de España e no sur de Europa, ese debate non parece importar. O que nos toca eiquí é navegarmos eternamente por insondábeis mares de excelencia.