Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

09-11-16 |

O complemento do complemento

O discurso político europeo ten mantido por décadas unha posición ambiguamente conciliadora co desenvolvemento da acuicultura, asegurando que nunca sustituiría á pesca, senón que trátase dun complemento para aportar o peixe que a pesca extractiva non consegue comercializar. Claro que cando a acuicultura supón a metade do total  dos peixes e mariscos comercializados mundialmente, chegando aos 100 millóns de toneladas cun valor estimado de 150 mil millóns de euros segundo a FAO, compre reflexionar sobre quén complementa a quén na actualidade.

Esta suposta complementariedade prodúcese en condicións moi diferentes para ambas actividades, que o noso astuto liderado político empecínase en equiparar. A pesca é unha actividade en clara decadencia, que leva moitos anos destruíndo emprego e ve limitado o seu potencial de crecemento como resultado da sobrepesca, os conflitos internacionais e a crecente fraxilidade dos ecosistemas mariños –sen entrar a detalles sobre a pesca furtiva ou pirata-. A acuicultura é unha actividade de forte crecemento mundial que pasóu de ocupar unha posición marxinal na produción animal a converterse nunha despensa fundamental de proteína de alta calidade para o consumo humano. Ademais, nos últimos anos conseguíu resolver as limitacións técnicas que cuestionaban o seu potencial, principalmente a dependencia de fariña e aceite de peixe de orixe extractivo para a producción de alimentos acuícolas.

Con todo, isto non ten sido suficiente ata agora para invertir a relación de apoios a unha e outra actividade, gozando a pesca extractiva da hipersensibilidade política, infraestruturas e apoios administrativos que se lle teñen negado históricamente á acuicultura. Para países como España e Galicia, referentes mundiais no desenvolvemento tecnolóxico pesqueiro, e con tradicións culturais milenarias arredor do manexo, o consumo e a adición de valor aos productos de orixe mariño, ésta non debera ser unha cuestión menor. Pero eiquí o noso liderado, cando se trata da auga, segue apoiando a caza sobre a gandeiría.

Con vistas a unha xusta equiparación, e como compensación para os "dereitos históricos"  máis onerosos da economía mundial, un emprendedor europeo no ámbito da acuicultura debería recibir unha chea de financiamento público a fondo perdido para a construción das súas instalacións, a formación e contratación de traballadores, a enerxía necesaria para o desempeño da actividade, a seguridade da súa empresa - coa participación, en caso necesario, das forzas armadas nacionais-; a transformación, procesamento, marketing e publicidade do seu produto, ademais dunha compensación monetaria no caso de mal tempo que dificulte o seu traballo. Toda a infraestrutura necesaria para o desempeño da a acuicultura terá de ser xenerosamente financiada con diñeiro público, incluíndo tamén a participación proactiva de ministerios do goberno en beneficio da actividade (asuntos exteriores, industria, defensa, agricultura, medio ambiente, investigación e ciencia etc.), mesmo o desenvolvemento duns réximes tributarios e de seguridade social específicos. No caso de falla de rendibilidade ou exceso de produción, o Estado deberá compensalo xenerosamente por perda de actividade.

¿Pódese siquera imaxinar que ao propietario dunha fábrica de mobles ou zapatos en bancarrota teña que compensalo o Estado millonariamente pola perda de actividade? É o que está a acontecer coas empresas pesqueiras en Europa, que aínda porriba non se ven obrigadas a reinvestir no sector primario. Na presente situación, este terrible precedente de pagar por non facer convírtese sen dúbida nun agravio comparativo que amosa claramente de qué xeito se dilapidan os fondos públicos na Europa actual.

Cando o populismo clientelista apodérase da estratexia política, a falla de visión e de obxectivos a futuro impiden o aproveitamento de oportunidades históricas. Non é só  a perda do potencial de crecemento, xeración de emprego e riqueza que mantén a acuicultura, se non que se renega do valioso capital cultural e os coñecementos xerados pola pesca durante séculos, que só a acuicultura pode aproveitar. Isto é o que ten dado en Europa, en España e en Galicia o dogma político de complementariedade.