Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Actividades

17-08-17 |

Reunión de representantes internacionais de Aquamec

Durante o mes de Agosto tivo lugar en Finlandia a reunión anual dos representantes mundiais da ecodraga Watermaster, máquina multifuncional para traballos en augas someras. Participamos como representantes da marca en España e Portugal dende 2003, nunha reunión que contóu coa presenza dos directivos da empresa, así como dos distribuidores en vinte países de África, América, Asia e Europa.

Comezamos as xornadas de traballo cunha visita á fábrica de Watermaster en Loimaa, o que nos permitiu participar en demostracións operativas da ecodraga coas diferentes opcións do cortador de coroa (concepto sustrato compacto) e coitelos de corte (lama, lixo e vexetación), así como o dragado coas novas bombas P200 e P250.

No seminario técnico tivemos a oportunidade de afondar nas capacidades da nova versión da ecodraga Classic V, que introduce melloras significativas en relación á versión anterior, Classic IV. As diferenzas máis notables derivan das novas motorizacións, que permítenlle mellorar a súa aspiración en capacidades superiores a un 50% con respecto ao modelo anterior, o que facilita a súa aplicación para actividades de dragado urbanas e dragado en fondos duros,  areosos ou compactados. Sempre mantendo ao mesmo tempo un funcionamento áxil, limpo e silencioso, dacordo coas rigorosas normas de respecto medioambiental que caracterizan ao fabricante escandinavo.

Entre outras actividades destacadas do programa tivo lugar na histórica cidade termal de Porvoo unha sesión centrada na área de marketing, para tipificar novos nichos de mercado, prazos de entrega e as diferenzas que separan Watermaster dos seus competidores, así como protocolos sobre recambios, garantía e soporte técnico. Na área de Helsinki tivemos ocasión de comprobar in situ o funcionamento dunha ecodraga Watermaster nunha operación de inertización de residuos sensíbeis mediante a técnica dos hidrotubos.

Queremos agradecer á empresa Aquamec pola oportunidade de coñecer persoalmente a todos os distribuidores internacionais, e intercambiar información valiosa sobre as distintas aplicacións, rutinas de traballo e logros das operacións realizadas por esta ecodraga en entornos naturais moi diferentes. Todo tendo como fermosa referencia á paisaxe finlandesa, da que trouxemos unha sentida lembranza.